PAUTAS PARA TEMPOS DE CORONAVIRUS #quedamosnacasa


A crise sanitaria que estamos a vivir obríganos a quedar na casa como medida preventiva para tratar de conter e mitigar a infección.
Iso está a darlle a volta á nosa existencia por completo e, como non, a convivencia familiar tamén se ve afectada.
De repente o ritmo de vida ao que estabamos acostumados frea de súpeto; pasamos máis horas xuntos sen poder saír da casa e, ademais, debemos combinar o noso traballo coa crianza dos nosos fillos/as nunha situación insólita, xa que non asisten a clase e non podemos contar coas redes de apoio nas que nos sustentabamos habitualmente.
A todo iso debemos sumarlle as situacións persoais, a preocupación e o sentimento de angustia que xera este escenario tan estraño que parece máis propio dunha película de ficción.
É indubidable que estamos ante unhas circunstancias excepcionais e, en consecuencia, tamén requiren respostas excepcionais.
Temos que procurar adaptarnos, o que leva o seu tempo, organizarnos, manter a calma e acompañar aos nosos fillos/as tanto física como emocionalmente. Facerlles entender a esixencia de respectar o confinamento na casa, así como a necesidade da distancia social, para vencer ao coronavirus.
Nesta conxuntura hai unha serie de cousas que podemos facer para soportalo mellor. A continuación expoñemos algunhas que poden axudarnos.
  • Contarlle aos nosos fillos/as o que está a pasar. Todos/as estamos sobre-expostos a un aluvión de información que nos abafa e nos causa gran preocupación e inquietude, por iso é importante explicarlles, desde a calma e a tranquilidade, a situación que estamos a vivir e o que podemos facer para combatela.
  • Farémolo con sinceridade, pero evitando dar excesivos detalles que nada lles aporten ou poidan acrecentar o seu medo. Na medida do posible evitaremos que vexan imaxes perturbadoras por televisión ou que escoiten conversacións nas que advirtan a nosa ansiedade e preocupación. Cando iso ocorra, falaremos con eles/as acerca do que ven e escoitan para axudalos a comprender o que sucede.
  • Tentaremos de adecuar a información á idade do neno/a, sendo conscientes de que o xeito de expresarnos pode ser máis revelador para eles/as que o noso discurso. De feito o medo e a angustia son tan contaxiosos como a propia enfermidade.
  • Deixar momentos e espazos para falar tranquilamente sobre os nosos sentimentos e medos. É necesario conversar con eles/as, aclarar as súas dúbidas, escoitalos activamente, descubrir o que eles/as saben sobre o tema e resolver as posibles cuestións e preocupacións que teñan.
  • Alentarémolos a expresar o que senten e amosarémoslle a nosa empatía e comprensión, ao mesmo tempo que lle transmitiremos a mensaxe de que isto pasará, mais, mentres tanto, é mellor quedarnos na casa para evitar máis contaxios.
  • Facerlles entender a importancia do que están a facer e recordarllo explicitamente ao longo dos días de confinamento, porque con iso os máis cativos/as están a axudar á sociedade, a contribuír a que haxa menos xente que se poña enferma.

Debuxo realizado por Sergio Pouso, alumno do noso centro, no uniforme de traballo da súa nai.

  • É aconsellable poñer medios para loitar contra o illamento. Non podemos saír nin relacionarnos normalmente, pero si facer o posible por sentirnos cerca das persoas queridas e para que os que queremos sintan que estamos aí. Por iso é importante chamar con frecuencia aos nosos familiares, especialmente aos maiores, e manter un contacto próximo con eles/as desde a distancia. Afortunadamente, hoxe en día contamos con medios e programas que o permiten. Unha boa idea é organizar unha reunión virtual a través dunha video-conferencia con familiares ou con amigos.
  • Explicarémoslle tamén que, a pesar de que non temos que ir a escola, isto non son vacacións. Por ese motivo, procuraremos seguir unhas pautas e rutinas.
  • Tentar manter uns horarios para levantarnos, almorzar, asearnos, vestirnos, etc
  • Organizar rutinas que procuraremos seguir na medida do posible, sen agobiarnos.
  • Planificar o día. Reservar as horas centrais das mañás para facer tarefas. Iso si, non podemos pretender que se manteñan nelas tanto tempo como cando están na escola.
  • Evitar unha excesiva auto-esixencia sobre o voso labor. Non sodes os seus profesores/as, nin debedes pretender selo. Simplemente trátase de acompañar aos vosos fillos/as, cando vos sexa posible, repasando, facendo algunha tarefa educativa ou levando a cabo o traballo acordado co profesorado. E recordade, non estades sos nesta tarefa.
  • Pedirlles aos nenos/as que colaboren, segundo á súa idade, na realización dos labores do día a día que poidan facer: ordenar a habitación, poñer a mesa, regar as plantas, dar de comer ás mascotas se as tendes, escribir a lista da compra, etc. Este pode ser un bo momento para fomentar valores como a cooperación, o cumprimento de normas, a responsabilidade, o respecto e a solidariedade.
  • Desfrutar dun tempo compartido adicado ao lecer. Este tamén pode ser un bo momento para rescatar algúns xogos que se practican menos, como os xogos de mesa, ou para ensinarlles algúns dos que xogabamos nós: a pita cega, o escondite, o patito inglés, palabras que empecen por...
  • Fomentar o desenvolvemento dos seus talentos, animándolles a que realicen actividades do seu gusto para ocupar o seu tempo libre: ler, cantar, escribir, debuxar, facer crebacabezas, construcións, modelar, tocar un instrumento, representar unha obra de teatro, realizar actividades manuais, bailar, cociñar connosco, facer exercicio físico, etc.
  • Evitar que as pantallas e as redes sociais ocupen a totalidade do seu tempo. É importante controlar o tempo que lle adican e que fagan un uso responsable delas.
  • Non é preciso manter aos nenos/as todo o tempo ocupados. Vós tampouco sodes os seus monitores de tempo libre. Non pasa nada si se aburren un rato. É máis, está comprobado que o aburrimento desenvolve o pensamento propio, a imaxinación e a creatividade. Dádelle a oportunidade de poñer en práctica os seus propios recursos e de idear os seus propios xogos, plans e proxectos cando non hai unha actividade dirixida para ocupar o seu tempo.
  • Aproveitar que non temos as présas de costume para deixar que os nenos/as fagan as cousas por eles mesmos/as. Deste xeito fomentaremos a súa autonomía e responsabilidade.
  • Procurar participar nos chamamentos populares que nos invitan a realizar iniciativas conxuntas. Axudan a mitigar o illamento e a que nos sintamos parte dunha comunidade na que todos/as estamos a pasar polo mesmo cunha meta común: conter a enfermidade.
  • Desde saír a aplaudir á ventá a unha hora concreta ao persoal sanitario e aos demais profesionais de todos os oficios que seguen a traballar para garantir á nosa saúde e benestar nestas difíciles circunstancias.
  • A poñer música para alegrarnos e espantar ao medo e ao coronavirus cantando.
  • Ata facer o “arco da vella solidario” cunha mensaxe de ánimo e colgalo nas fiestras para que os outros nenos/as o vexan e para encher de cor as nosas rúas neste momento gris.
Ilustración de Hidekazu Himaruya




Comentarios