CONTOS PARA TEMPO DE CORONAVIRUS #quedamos na casa
Os libros axudan a entender mellor a nosa contorna, a nós mesmos e, en definitiva, a vida. Ademais serven de catalizadores que permiten aflorar as emocións e facilitan a aprendizaxe de estratexias de afrontamento en determinados temas. Axúdanlles a poñer nome ao que senten e a verbalizar situacións que, ao mellor, doutro modo non saberían expresar.
Coa finalidade de axudar a brotar as emocións que os nosos pequenos/as poidan sentir ante a situación orixinada pola pandemia provocada polo COVI-19, aquí tendes unha recompilación de contos infantís sobre o coronavirus que podedes descargar pinchando nas imaxes.
Son moitas as iniciativas que tentan responder a través da literatura ás inquedanzas dos máis cativos/as sobre o tema do coronavirus e as súas implicacións. Todas elas fano dun xeito altruísta, pois os seus autores/as difundíronas gratuitamente a través das redes sociais, para que estean o alcance de todas as familias. Algúns destes contos están publicados en distintos idiomas.

Las manos de José: conto con pictogramas sobre o lavado de mans publicado pola organización Aprendices Visuales. A parte do conto dixital gratuíto, hai unha aplicación interactiva, un vídeo e unha secuencia de lavado das mans para pegar no baño.
Rosa contra el virus: libro publicado en formato digital pola editorial Sentir e o Colegio Oficial de la Psicología de Madrid, que explica que son os virus e promove hábitos adecuados para combatelos. Tamén ten un apartado de recomendacións para os proxenitores.
Coroavirus: texto de Víctor Espiga, ilustrado por Josep Giró, que axuda a explicar aos nenos/as e a algúns adultos/as a importancia do confinamento para axudar a controlar o COVID-19.
Coronavirus no es un príncipe (ni una princesa):libro escrito por María Coco, coordinado por María R. Coco e ilustrado por Sara Ramírez que aborda o tema do coronavirus dun xeito intelixible para os nenos/as. Tamén ofrece pautas para aprender a controlar a propagación do virus.
"Hola! Soy el coronavirus": libro publicado por Manuela Molina para os nenos/as menores de sete ano. Segundo a autora o conto pretende validar as emocións dos pequenos/as, axudarlle a procesalas e reiterarlles que os seus adultos coidadores manteranos seguros.
El virus con corona: conto publicado polo Centro Pasito a pasito, que procura explicar o coronavirus nunha linguaxe clara e sinxela e facerlles entender o motivo das medidas establecidas polo goberno e a necesidade de cumprilas.

El escudo protector contra el rey virus: conto escrito por Guadalupe del Canto que conta cun protagonista, o rei Virus, que pretende expandir o seu reino, para o que sobe a un avión e comeza a infectar á xente.
¿Qué pasa en el mundo? Un cuento para pequeños (y no tan pequeños) sobre el coronavirus: conto escrito por Nacho Palacios e ilustrado por Leo Nieves que tenta explicar aos nenos/as a situación pola pandemia do coronavirus, dá ferramentas para enfrontalo e transmite unha mensaxe de esperanza.
Misión: quedar na casa: conto coloreable, publicado por Dalmau Oliveras, que pretende servir de axuda ás familias así como entreter aos nenos/as á vez que traballa a importancia de non saír á rúa durante estes días. A que compartimos no blog é a versión en galego, traducida por Cristina Delgado.
Comentarios
Publicar un comentario
Non esquezas deixar o teu comentario