BENVIDA ÁS FAMILIAS DO ALUMNADO DE EDUCACIÓN INFANTIL DE NOVO INGRESO

Hoxe demos a benvida ás familias dos nenos de educación infantil que este ano se incorporan ao noso colexio. 

Aínda que xa estiveron connosco en fin de curso, hoxe volveron para coñecer máis a fondo ás profesoras dos seus fillos, os horarios do período de adaptación e outros pequenos detalles, non por iso menos importantes, que o equipo de infantil quixo transmitirlles.

Cremos que é moi interesante realizar estas reunións para que as familias coñezades ao profesorado do centro, porque, dese modo, vos será máis doado deixar aos vosos fillos en "mans descoñecidas" e, canta máis tranquilidade demostredes, maior seguridade lle transmitiredes aos vosos fillos.

Como orientadora do centro non me quixen perder esta reunión e aproveitei para dar a coñecer ás familias a existencia do Departamento de Orientación e como e cando poden poñerse en contacto con este.

Ademais informouse aos pais de que, en breve, as profesoras e a orientadora, manteremos outra reunión, co fin de coñecer mellor aos nenos aos que diriximos o noso traballo, posto que consideramos este intercambio de información moi útil para mellorar a resposta educativa e para detectar precozmente posibles dificultades.

Outro punto importante da reunión foi asesorar ás familias sobre como axudar aos nenos no inicio da súa escolarización. 




Non existen unhas pautas universais, posto que cada neno é único e vive o seu proceso de adaptación dun modo singular: hai nenos que se adaptan moi ben, outros que choran ao principio, outros que viven a entrada á escola con enorme ansiedade, outros que demostran os seus medos  perdendo o apetito ou tendo pesadelos...

Que estas "preocupacións" se produzan ao principio da escolarización é normal, posto que é unha situación nova e descoñecida para eles, na que se ven obrigados a compartir espazos e material con outros nenos aos que non coñecen e, ademais, sen recibir a atención exclusiva á que están afeitos.

Precisamente por iso nas aulas de tres anos contémplase o período de adaptación pero pode acontecer que, pola forma de ser do neno ou por algunha outra circunstancia, se mostre reticente para ir ao colexio.

Tedes que ser conscientes de que a vosa actitude vai ser moi importante na resolución dos posibles conflitos. 

Como pais hai unha serie de cousas que podedes facer.


  • É conveniente que, antes de empezar o colexio, intentedes espertar no neno a ilusión por asistir a este. Para iso podedes falarlle dalgún amiguiño que tamén asista ao novo cole, de que fará novos amigos, de como é a súa profe, de como se chama... e tamén que lle permitades participar nos preparativos: comprar o mandilón, o vaso, a mochila...

  • É aconsellable que formuledes a entrada ao cole como un privilexio e un deber. Podemos utilizar frases do tipo: "Tes que ir ao cole como a túa prima/o teu irmán ", "Que sorte tes que xa vas ao cole!...

  • Procurade fomentar a autonomía do neno: que aprenda a poñerse a chaqueta, a ir o baño...

  • En todo momento debemos intentar mostrar unha actitude positiva e de confianza ante a entrada á escola do noso fillo.

  •  Procuraremos respectar as normas e reforzar o traballo do profesorado e se, nalgunha ocasión, non estades de acordo con algo faládeo coa titora, pero nunca diante do neno.

  • Se o voso fillo comeza a resistirse e non quere ir ao colexio, é fundamental ter paciencia, gardar a calma e, á vez, manternos firmes no feito de que ten que ir á escola. Porque se o neno adiviña a posibilidade de non ir cando mostra esa actitude, o repetirá máis veces.

  • Convén que a asistencia regular ao colexio sexa o habitual.

  • No momento da separación procuraremos ser afectuosos e breves. Podemos darlle un bico e dicirlles: "Pásao ben, eu vou a traballar/a facer a comida... e logo recóllote".

  • É importante que non lle mintades con frases do tipo "veño agora mesmo", "eu quédome aquí"... porque o único que conseguiremos e xerarlle unha maior ansiedade. 

  • Debemos explicarlle que estará no cole durante un tempo, que nós non estaremos alí pero que sempre nos atopará á saída para irlle a buscar (a nós ou á persoa encargada).

  • É importante ser moi puntuais á hora de recollelos.

  • É aconsellable que o primeiro día os levantedes con tempo abondo para almorzar e prepararse sen présas nin angustias, co fin de vivir a entrada ao cole dun modo relaxado.

  • Os primeiros días permitide que leven ao colexio algún obxecto de apego co fin de que lles proporcione seguridade nos "momentos difíciles". Non ten por que ser un xoguete, tamén vale un obxecto voso que lle dea seguridade, unha caixiña de bicos, algo que sirva de nexo entre o neno e vós.

  • Tede especial coidado co reencontro. Cando volvades velos despois da escola mostrarvos contentos e serenos, aínda que estivésedes preocupados por como lle foi.

  • Se nos mostramos excesivamente aflixidos polos seus choros creamos sen querelo un círculo vicioso, posto que coa nosa angustia, atención e manifestacións de afecto, estaremos a reforzar o comportamento que queremos evitar.

  • Pola contra, facede comentarios positivos sobre como o pasou, preguntándolle como lle foi: "Seguro que o pasaches moi ben. Cóntame todo o que fixeches hoxe".

  • Se cando sae nos decatamos de que chorou non fagades comentarios do tipo: "Pobriño, choraches?. Tranquilo que mamá/papá xa está aquí. "Frases deste tipo fomentan que o neno siga chorando e esperando a que os seus pais o veñan a "rescatar".

  • Reforzade sempre as condutas adaptativas do neno, prestándolle máis atención cando nos conta cousas agradables sobre o colexio, a profe ou os seus novos amigos que cando chora ou mostra unha actitude negativa.

  • Pensade que certo punto de angustia de separación é habitual. Deixemos ás profes o labor de consolalos e de conseguir que se sintan afortunados por asistir ao colexio.




LIBROS QUE PODEN AXUDAR 

(algúns  deles están dispoñibles na biblioteca do colexio)



EDITORIAL TIMUN MAS.
Colección: Barry. ¡Ya sé vestirme!
Libro interactivo repleto de sorpresas e moi imaxinativo. É moi adecuado para que os máis pequenos aprendan a vestirse a partir do xogo. Como se viste o oso un día de choiva, para ir xogar aos charcos? O pequeno lector ponlle os calcetíns, lle abróchalle o xersei, sóbelle a cremalleira do impermeable... Unha forma divertida de saber para que serve, onde e como hai que pórse cada peza. 
Outros títulos:¡Adiós a los pañales!, ¡Qué sueño tengo!, Un día en en el colegio...





Colección Teo
Soy Teo, mi primer día de colegio
Hoxe é o primeiro día de colexio de Teo. ¿Queres acompañalo? Descubrirás como vai vivir este gran momento, todas as cousas novas que vai aprender e todos os novos amigos que vai coñecer.









COMBEL EDITORIAL
Cacanimales
Un poliño que nos explica como fan caca os seus amigos: o porco, moi serio, a serpe, ás agachadas, os pingüíns, de dous en dous, e ningún utiliza o ouriñal. ¡E, claro, el que quere facelo como os maiores! E senta no váter e non se esquece de tirar da cadea.








Colección Coco y Tula. Buenos hábitos
Nos seus primeiros anos, os máis pequenos aprenden moitas cousas: vestirse, durmir ou deixar a chupeta. A serie «Buenos hábitos» facilitará a pais e nais este camiño. Ademais, cada libro inclúe unha táboa semanal e adhesivos para que os nenos e nenas comproben os seus progresos día a día. E, se conseguen o obxectivo proposto, ¡unha medalla de campións!.





Colección Cucú
¡No quiero hacer pipí en el orinal!
Deitarse, bañarse, deixar de utilizar o cueiro ou comer adoitan ser actividades dificultosas para os nenos e, a miúdo, preocupan aos pais. Agora, os maiores e os pequenos aprenderán a desenvolver actitudes positivas ante estas situacións; os máis pequenos pódeno facer a través de catro historias de nenos que, como eles, resístense a crecer. Ademais, os contos inclúen valiosos consellos para facilitar a tarefa dos pais.
Outros títulos: ¡No quiero bañarme!, ¡No quiero dormir! , ¡No quiero comer!






Ya he acabado
Mimú decidiu abandonar o ouriñal e aprender a utilizar o váter, como os maiores. Este libro acompáñalle durante unha divertida e aloucada semana, pero só os pequenos lectores poderanlle axudar a tirar da cadea.










EDITORIAL PRIMERAPERSONA
Imos ir á escola, Colectivo Montbel de Mestras para a Educación Infantil
Un libro para os nenos e nenas e outro para os pais. Un libro dentro dun libro. O período da adaptación escolar contado con sinxeleza. Contén instrucións de moita utilidade para os alumnos que van a ter a súa primeira experiencia escolar.







 EDICIONES BEASCOA
Lila va al cole
Lila é unha nena de 5 anos. Hoxe empeza o seu primeiro día de cole. Como todos os nenos, debe erguerse e prepararse para ir ao colexio. Os seus pais están moi contentos pero a ela non lle fai moita graza...









EDICIONES ARTIME
Coquín va al colegio
Hoxe é un gran día. Coquín, o pequeno coello, vai ao colexio por primeira vez. Encántalle esta idea pero ten un pouquiño de medo. Será a mestra tan delicada e doce como mamá? Afortunadamente leva na súa carteira unha pedra, area e terra máxicas que fan desaparecer o medo. 






EDITORIAL: CORIMBO
Serie Simón. ¡No quiero ir a la escuela! 
Simón non quere ir á escola. Dá o mesmo o que lle digan os seus pais, el non quere ir. Por iso a noite anterior, non pode durmir. Aínda que pode que unha vez dentro da escola cambie de opinión e que cando coñeza aos seus compañeiros o pense mellor. Seguro que non quere ir á escola?





EDITORIAL VOX
Colección: Las historias de Álex. ¡Al cole!
Mañana es el gran día. Alex empieza el cole y ya tiene todo preparado.











El niño y la niña de tres a seis años: guía para familias e educadores do Goberno da Rioja 














El niño de cero a tres años: guía elaborada polo Equipo de Atención Temperá da Rioja













Comentarios