MEDIDAS DE ATENCIÓN Á DIVERSIDADE

MEDIDAS DE ATENCIÓN Á DIVERSIDADE (Extracto do Decreto 229/2011 do 7 de decembro)
Enténdese por medidas de atención á diversidade aquelas actuacións, estratexias e/ou programas destinados a proporcionar unha resposta axustada ás necesidades educativas do alumnado. Estas medidas clasifícanse en ordinarias e extraordinarias e estarán recollidas no Plan Xeral de Atención á Diversidade e nas concrecións anuais de dito plan

Medidas ordinarias
Considéranse medidas ordinarias de atención á diversidade todas aquelas que faciliten a adecuación do currículo prescritivo, sen alteración significativa dos seus obxectivos, contidos e criterios de avaliación, ao contexto sociocultural dos centros educativos e ás características do alumnado. Estas medidas teñen como finalidade dar resposta ás diferenzas en competencia curricular, motivación, intereses, relación social, estratexias, estilos e ritmos de aprendizaxe, e están destinadas a facilitar a consecución dos obxectivos e competencias establecidas nas diferentes ensinanzas. Sen prexuízo do establecido na normativa reguladora de cada etapa ou ensinanza, entre as medidas ordinarias de atención á diversidade inclúense:
a) Adecuación da estrutura organizativa do centro (horarios, agrupamentos, espazos) e da organización e xestión da aula ás características do alumnado.
b) Adecuación das programacións didácticas ao contorno e ao alumnado.
c) Metodoloxías baseadas no traballo colaborativo en grupos heteroxéneos, titoría entre iguais, aprendizaxe por proxectos e outras que promovan a inclusión.d) Adaptación dos tempos e instrumentos ou procedementos de avaliación.
e) Aulas de atención educativa e convivencia e medidas e actuacións destinadas á mellora da convivencia.
f) ) Desdobramentos de grupos. 
g) Reforzo educativo e apoio do profesorado con dispoñibilidade horaria.
h) Programas de enriquecemento curricular
i) Programas de reforzo nas áreas instrumentais básicas.
j) Programas de recuperación. 
k) Programas específicos personalizados. 
l) Programas de habilidades sociais.

Medidas extraordinarias
Considéranse medidas extraordinarias de atención á diversidade todas aquelas dirixidas a dar resposta ás necesidades educativas do alumnado con necesidade específica de apoio educativo que poden requirir modificacións significativas do currículo ordinario e/ou supoñer cambios esenciais no ámbito organizativo, así como, de ser o caso, nos elementos de acceso ao currículo ou na modalidade de escolarización. Aplicaranse unha vez esgotadas as de carácter ordinario ou por resultaren estas insuficientes.
Para a aplicación das medidas extraordinarias será necesaria a autorización da dirección do centro educativo, do Servizo de Inspección Educativa, da xefatura territorial ou da dirección xeral que proceda, e, se é o caso, informe xustificativo do correspondente Servizo de Orientación.
Sen prexuízo do establecido na normativa reguladora de cada etapa ou ensinanza e da limitación dalgunha a ensinanzas ou etapas específicas, considéranse medidas extraordinarias de atención á diversidade, entre outras, as que seguen:
a) Adaptacións curriculares.
b) Agrupamentos flexibles. 
c) Apoio do profesorado especialista en Pedagoxía Terapéutica e/ou en Audición e Linguaxe.
d) Flexibilización da duración do período de escolarización.
e) Programas de diversificación curricular. 
f) Programas de cualificación profesional inicial.
g) Atención educativa ao alumnado que, por circunstancias diversas, presenta dificultades para unha asistencia continuada a un centro educativo.
h) Grupos de adquisición das linguas. 
i) Grupos de adaptación da competencia curricular.
A consellería con competencias en materia de educación poderá establecer cantas outras medidas de atención á diversidade considere necesarias, así como o procedemento para a súa autorización

Comentarios