ATENCIÓN Á DIVERSIDADE

Actualmente a lexislación sobre diversidade deixou de entendela como algo excepcional para convertela na norma: cada alumno é diverso e heteroxéneo,  ten distintas características, necesidades, ritmos, estilos de aprendizaxe, motivacións, intereses e situacións sociais e culturais.
Para atender a este alumnado diverso temos que axustar a resposta educativa a cada alumno, de xeito que cubramos as necesidades individuais do conxunto global do alumnado. Todo un reto.
Precisamos poñer en xogo todos os elementos organizativos e metodolóxicos, en aras de cubrir as necesidades educativas específicas ou non específicas que presenten os nosos alumnos. A atención á diversidade é responsabilidade de todos e cada un dos profesores do centro, asesorados polos profesionais da orientación e apoiados polas accións realizadas neste ámbito polos equipos directivos.
Educar na diversidade supón unha escola para todos, na que todos teñan cabida coas súas características individuais. Unha escola, na que se lle ofreza a cada un, aquilo que mellor lle axude  a desenvolver a súa máxima potencialidade, partindo do que é.
Unha escola capaz de desenvolver un conxunto de accións encamiñadas a previr e dar resposta as posibles necesidades de todo o alumnado do centro e, entre eles, a aquel que require unha actuación específica derivada das súas necesidades educativas especiais, de altas capacidades, de dificultades de aprendizaxe, da súa incorporación tardía ao sistema educativo, das súas condicións persoais ou de historia escolar.

ALUMNADO CON NECESIDADES ESPECÍFICAS DE APOIO EDUCATIVO (NEAE)

Enténdese por alumnado con necesidade específica de apoio educativo aquel que requira, de forma temporal ou permanente, apoios ou provisións educativas diferentes ás ordinarias por presentar necesidades educativas especiais, por dificultades específicas de aprendizaxe, Trastorno por Déficit de atención e Hiperactividade, por altas capacidades intelectuais, por incorporarse tardiamente ao sistema educativo ou por condicións persoais ou de historia escolar.

Comentarios