A ESCOLA SEGUE ABERTA

Queridas familias
Este blog sempre pretendeu ser un instrumento de comunicación coa comunidade educativa nos temas referidos a orientación.
Mais se cadra, no momento que vivimos, esta pretensión cobra aínda máis sentido, posto que vai ser o medio principal para comunicarse co Departamento de Orientación mentres dure o tempo de confinamento.
Como sabedes, os colexios están pechados, pero todos os profes seguimos a traballar desde casa, procurando chegar a todos/as e cada un de vós, tentando levar a cabo estratexias de continuación da aprendizaxe e acompañándovos na distancia nestes días de corentena na medida do posible. 
Desde o Departamento de Orientación permanecemos ao voso lado colaborando, a través do blog, compartindo pautas para afrontar a situación; novas de interese; contos que axudan a explicar aos máis cativos/as o que está a pasar; recompilando distintas actividades, materiais e recursos para as distintas materias; buscando outras que fagan máis levadío o encerro relacionadas cos xogos e o tempo de lecer;  aportando enlaces e materiais que poidan ser de utilidade para alumnado, profesorado e familias.
Procuramos facelo favorecendo unha actitude positiva que nos axude a vivir esta situación co maior ánimo posible.
Por iso suxerímosvos que mentres dura o confinamento visitedes o blog  con maior frecuencia, por si hai algunha nova ou información que vos poida ser de utilidade.
Ademais si precisades poñervos en contacto para expor unha inquedanza, aclarar calquera dúbida ou realizar algún tipo de consulta ou suxestión, podedes facelo das seguintes formas:
  • Mediante o correo: orientacionceipcondesa@gmail.com
  • Cubrindo o formulario de contacto que se atopa  na marxe dereita do blogue.
  • A través do teléfono móbil do colexio.
  • Lembrade dar o voso nome e o nome e curso do voso fillo/a.
O colexio está pechado, pero a escola segue aberta na procura de dar a mellor resposta, cos medios cos que contamos, á situación que vivimos. E está a funcionar! A corentena está a proporcionarnos unha forma de cooperar escola e familia. Grazas ao labor dos profesionais docentes e ao compromiso das familias e do noso alumnado.

Comentarios