Das TIC ás TAC


Cando xa controlábamos isto das TIC, aparecen no panorama educativo unhas novas siglas que ameazan con cambiar a perspectiva coa que nos enfrontamos ás tecnoloxías da información e comunicación. Desde vai un tempo, comézase a falar da escola das TAC, ou do que é o mesmo, das Tecnoloxías de Aprendizaxe e Coñecemento.
Cando falamos de TIC estamos a facer fincapé na aprendizaxe da tecnoloxía. Incidimos na competencia dixital, na dotación de material, na inclusión para que todos teñan acceso a estes recursos. O maior interese ponse en que profesorado e alumnado dominen estas tecnoloxías, pero, ás veces, esquecendo a metodoloxía.
Cando falamos das TAC estamos a facer fincapé en aprender a través da tecnoloxía. Como ben resume Jordi Vivancos de igual modo que a música non é o piano, as TAC non son a tecnoloxía, senón o que o profesorado fai con ela.
É un feito que existe gran abundancia de ferramentas e recursos. Tamén é incuestionable que nós, como profesores, debemos estar ao día. Traballar coas TIC implica un coñecemento da tecnoloxía, dos recursos e ferramentas educativas que a rede nos oferta. Pero non se trata tanto de converternos en técnicos, como de ter claro cal é o noso obxectivo cando usamos as TIC.
En definitiva, saber cando e como usamos a tecnoloxía, mais que ser uns expertos no seu uso. Ordenadores nas aulas si, pero a clave está no uso que facemos deles.
Neste contexto é no que emerxe o concepto de TAC.
As TAC pretenden canalizar as TIC cara un uso máis metodolóxico que optimice a aprendizaxe do noso alumnado. Tratan de resaltar o uso que facemos da tecnoloxía, de incidir na vertente educativa que nos oferta. Implican coñecer as ferramentas da web, pero ademais ser quen de seleccionar aquelas que nos serven para mellorar a aprendizaxe, de seleccionar aquelas que mellor se adecúan ao noso contexto.
Mentres que as TIC poñen o acento na competencia dixital, as TAC póñeno na competencia de aprender a aprender, na competencia de autonomía e iniciativa persoal.
Non existe ningunha ferramenta TIC que inclúa unha vara máxica coa que cambiar a metodoloxía, pero é incontestable que nos ofrecen unha oportunidade única para innovar, para cambiar o modo en que ensinamos e o modo en que aprende o noso alumnado. En definitiva para permitir que as TAC tamén veñan a escola para quedarse.
 A continuación axúntanse os enlaces a dúas interesantes presentacións que abordan este tema






Comentarios